Wednesday 01 de May de 2024

O Goberno local aproba a nova ordenanza de recadación para facilitar aos cidadáns o pagamento dos seus impostos


O texto normativo, elaborado pola área de Economía e Facenda, inclúe entre as súas novidades o Plan de Pagamento Personalizado, que permite aos contribuíntes fraccionar os seus recibos ata en 2, 3 ou 5 cotas

O Goberno municipal aprobou de xeito inicial a nova ordenanza xeral de recadación para adaptala á normativa actual en vigor dende o punto de vista da situación socioeconómica e operativa coa finalidade de facer máis áxil, máis transparente e mellorar a relación entre a administración e os cidadáns. Unha das principais novidades do texto é o Plan de Pagamento Personalizado, unha fórmula que ofrece a posibilidade de realizar pagamentos anticipados e fraccionados en 2, 3 ou 5 prazos.
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, detallou que, ademais de incorporar base xurídica para a realización dos novos mecanismos de pagamento universal, os cidadáns poderán acollerse ao novo Plan de Pagamento Personalizado para aboar cinco impostos: sobre bens inmobles (IBI), sobre actividades económicas (IAE), sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), sobre a taxa de prestación do servizo de recollida de lixos industriais, e sobre a taxa pola entrada de vehículos dende a vía pública a edificios, locais e solares (vaos). A través desta iniciativa pioneira na cidade, o contribuínte poderá fraccionar os seus pagamentos en tres modalidades:
. 2 cotas (a pagar o 1 de marzo e 1 de outubro).
. 3 cotas (a pagar o 1 de marzo, 30 de xuño e 1 de outubro).
. 5 cotas (a pagar o 1 de marzo, 30 de abril, 30 de xuño, 31 de agosto e 1 de outubro).
“Esta modalidade de pagamento fraccionado, ademais de ofrecer un plan individualizado que se axusta á situación de cada familia, inclúe unha bonificación do 2% sobre a cota íntegra do IBI, unha bonificación que será compatible co resto de beneficios fiscais que establece a súa ordenanza municipal específica, destacou Roberto Coira.
Para acollerse ao Plan de Pagamento Personalizado, as persoas interesadas terán que presentar a súa solicitude por vía presencial (Rexistro Xeral ou nas oficinas municipais de atención ao cidadán) ou por vía telemática (Rexistro Electrónico e técnicas de telecomunicación que están á súa disposición) e indicar a conta bancaria na que queren domiciliar os seus recibos.
“Esta decisión supón dar un paso máis no obxectivo de achegar a administración ao cidadán e é a continuación a medidas tomadas xa neste ámbito tributario que recibiron unha boa acollida entre os coruñeses porque lles facilita o pagamento dos seus impostos, como son o pagamento con vencemento especial do IBI, que permite aboar o imposto en 2 prazos e obter ademais unha bonificación do 2% “, afirmou Roberto Coira.
O concelleiro de Economía e Facenda subliñou que a nova ordenanza busca devolver aos coruñeses a confianza que ano tras ano tiveron na administración municipal, como o demostra o feito de que se mellorou o grao de recadación do apartado de ingresos durante o último prazo de pagamento voluntario -correspondente ao período comprendido entre o 15 de setembro e o 5 de decembro-, alcanzando o 88,31%, “a mellor cifra da historia desta cidade”, cun incremento do 2,5% con respecto ao mesmo período de 2013.
“Hai que destacar que á responsabilidade e compromiso demostrado polos cidadáns coas súas obrigas tributarias se suman todas as medidas adoptadas por este equipo de goberno. Á conxelación dos impostos durante todo este mandato sen nin sequera aplicar as subas do IPC por primeira vez na historia desta cidade, o que supón aos coruñeses un aforro de 10 millóns de euros, súmase o incremento do prazo de pagamento en tres semanas (antes era do 1 de outubro ao 30 de novembro) e as novas bonificacións”, concluíu Roberto Coira.
A nova ordenanza xeral de recadación, aprobada de xeito inicial polo Goberno municipal e coa abstención de PSOE e BNG, poñerase agora a exposición pública durante un período de 30 días e, unha vez analizadas as alegacións e propostas que se presenten, aprobarase de xeito definitivo antes da súa entrada en vigor.

MOCIÓN
O pleno municipal tamén aprobou esta mañá unha moción presentada polo BNG para instar á Xunta a que se dirixa ao Goberno central para que se conceda o asilo político a Hassanna Aalia, activista saharauí de dereitos humanos e defensor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí.